Google Website Translator Gadget

sábado, 14 de mayo de 2011

Os funcionarios unidos esixen a Feijóo que cese nos seus ataques

CSIF               JUSTICIA INFORMA


A Xunta de persoal reuniu onte centos de empregados públicos en dúas asembleas nas que se apostou por novas mobilizacións sindicais

San Caetano e San Lázaro foron onte os centros neurálxicos do enfado dos funcionarios galegos, que se concentraron en dúas asembleas ao longo da mañá para "tratar de unificar posturas" sobre posibles mobilizacións e protestas contra "os rumores de novos recortes salariais" e a campaña de "desprestixio" que, segundo sinalan, está a levar a cabo a Xunta de Galicia sobre o seu traballo como empregados públicos.
As dúas asembleas, convocadas pola xunta de persoal e ás que asistiron os catro sindicatos con representación –CC OO, UGT, CIG e CSIF– foron "multitudinarias" polo "gran malestar" dos empregados coas últimas novas que falan de posibles recortes nas pagas extraordinarias.
Segundo explicou a Xornal de Galicia o voceiro de CSIF nas asembleas, José Sánchez Brunete, hai un "forte malestar" coa posibilidade de que se rebaixen as pagas extraordinarias. "Primeiro baixáronnos o salarios o ano pasado nun 5% e agora hai rumores que falan de rebaixas dun 2%, outras que apuntan a maiores rebaixas, case un 5%, e outros apuntan a que pode que as pagas extras sexan tan so do salario base máis a antigüidade, co que se perderían todos os complementos", sinalou.
Pola súa banda, o representante de UGT, Carlos Rocha –que salientou tamén a "extraordinaria" acollida o persoal– explicou que polo de agora so hai rumores de novas rebaixas pero que, apuntou, "cando se fala tanto dunha cousa soe ser por algo..." Ademais, sinalou que a xunta de persoal lle planteou á Xunta a preocupación do cadro de traballadores por posible recortes, unha cuestión ante a que a Administración "so dixo que acatarías as ordes que lle viñeran dos de arriba", dixo Rocha a este diario.
POSIBLES MOBILIZACIÓNS
Durante as dúas reunións dos traballadores os sindicatos plantearon ademais a posibilidade de novas mobilizacións para "dignificar" os postos de traballo que, segundo denunciaron, están "perseguidos" por unha "campaña mediática orquestrada dende a Xunta para xustificar novas rebaixas" nas condicións laborais dos funcionarios.
En calquera caso, todos os voceiros sindicais coincidiron en que calquera tipo de mobilización terá que vir respaldada por unha "unidade" que lle reivindicaron os traballadores e á que as catro centrais accederon "por coherencia e por interese común", segundo apuntaron todos os representantes na administración pública.
Pedro Méndez, de UGT, dixo que esta unidade virá tamén respaldada polo "descontento" do cadro de traballadores da Xunta coas condicións actuais. "Estásenos dando caña dende todos os medios de comunicación e dende a propia Xunta, e nos facemos o noso traballo e estamos pagando en parte os recortes do Goberno", destacou. "Agora é o momento de unirnos e pelexar para facer valer o noso traballo e para evitar que teñamos que asumir novos recortes nas condicións de traballo", sinalou.
Pola súa banda, o voceiro da CIG, Xosé Ramón Vázquez apuntou que as posibles medidas de protestas, ademais de esixir ao presidente da Xunta que rectifique as súas declaracións sobre os empregados públicos, están aínda sen concretar, pero que "cos ánimos que vimos na asemblea, é moi posible que cheguen". Neste sentido, Vázquez apuntou que o "enfado" do persoal ven tanto polos rumores de novos recortes como pola intención da Xunta de "facer ver" que os funcionarios "somos uns lacazáns", sentenciou.
Así as cousas, os catro sindicatos, refrendados polos empregados, tomarán medidas nas vindeiras semanas para protestar polas dúas cuestións que máis lles preocupan agora mesmo: a posible rebaixa nas pagas extra e a imaxe pública que se quere transmitir deles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario